Tuesday 17 de September de 2024

Recepción dos nenos saharauís no Concello de Ribeira


Hoxe tivo lugar no Concello de Ribeira un acto de recepción dos nenos e nenas saharauís xunto cas familias de acollida. No acto estiveron presentes o alcalde, Luís Pérez, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla e as edís, Isabel Barreiro e Juana Brión.

Nun acto sinxelo e distendido, os nenos recibiron uns agasallos expresando a súa alegría e complicidade cas familias de acollida.

Elena Lema, membro dunha familia de acollida quixo animar a outras familias para acoller máis rapazada saharauí xa “que se adaptan perfectamente e supón unha experiencia moi enriquecedora”. Por outra banda María José Gude, quixo manifestar a necesidade de implicar máis xente para acoller aos nenos nun ano no que houbo moitos que non puideron vir, apelou á súa valentía e a capacidade de adaptación.
Pola súa banda o alcalde, Luís Pérez Barral, falou do programa “Vacacións en Paz” posto en marcha pola entidade Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), “grazas ao cal os rapaces e rapazas poidan facer chequeos médicos, mellorar a súa alimentación e sobre todo saír dos meses do verán onde a temperatura no deserto pode superar os 50 graos”. O rexedor manifestou todo o apoio do Concello de Ribeira a esta entidade galega, tamén a unanimidade dos grupos da Corporación Municipal para recibir a esta rapazada e mostrarlle toda a solidariedade.
“Falar do pobo saharauí e falar dun pobo loitador, valente e persistente; levan máis de cincuenta anos expulsados do seu país e polo tanto Administracións e moitas persoaS facemos esa reclamación xusta; que o pobo saharauí ten dereito a vivir no seu propio país e de seu propio traballo” engadiu.
Pérez Barral desexou unha boa estadía e finalizou facendo un chamamento ás familias de Ribeira a seguir mostrando a súa solidariedade como xa están facendo para acollera nenos e nenas saharauís.